Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Miño mellora os seus rexistros de visitantes e constata o auxe do Camiño Inglés no municipio


• A oficina de turismo atendeu a máis de 2.700 persoas durante os meses de xullo, agosto e setembro, unha cifra superior á alcanzada no ano 2019.

A área de turismo do Concello de Miño acaba de realizar o balance dos datos dos visitantes durante os meses de xullo, agosto e setembro deste ano. En total, a oficina de turismo municipal atendeu a 2.733 persoas, unha cifra superior aos rexistros do 2019 e do 2020.

Desa cifra de visitantes, 1.694 foron peregrinas e peregrinos do Camiño Inglés. Un 88,33% dos usuarios da oficina eran de procedencia nacional, mentres que un 11,63% foron turistas internacionais.
A información máis solicitada na oficina correspondeuse con datos sobre o municipio, as comarcas da Coruña e As Mariñas, Ferrolterra e a planificación do percorrido do Camiño Inglés.

A cifra rexistrada este ano supera a marca do 2019, un período no que se atenderon a 2.567 persoas. Tamén se mellora claramente con respecto a 2020, un ano marcado polas consecuencias da covid-19 e as restricións de mobilidade no que houbo 978 usuarios da oficina de turismo.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro do 2021, a oficina de turismo de Miño permaneceu aberta de luns a domingo: de luns a mércores en horario de 8:30 a 14:00 e de 15:00 a 19:00 horas; de xoves a sábado de 8:30 a 20:30 horas e domingos e festivos de 9:00 a 14:30 horas.

Para atender o servizo contouse con tres persoas: unha pola subvención da Xunta de Galicia por municipio turístico; outra pola subvención da Deputación dá Coruña para municipios menores de 50.000 habitantes e unha persoa auxiliar de información turística do Concello de Miño.